Que é?
A certificación forestal é un proceso voluntario mediante o cal unha terceira parte independente (Entidade de certificación acreditada) asegura o cumprimento dun conxunto de normas e criterio previamente establecidos, garantindo ao consumidor que a madeira e outros produtos forestais proceden dun bosque xestionado de maneira responsable e sostible.
Os dous principais sistemas de certificación son PEFC ( Programme for the Endorsement of Forest Certification schemes ou Programa para o recoñecemento da Certificación Forestal) e FSC®. ( Forest Stewardship Council ou Consello de Administración Forestal).
Existen dous tipos de certificación forestal:
A Certificación da Xestión Forestal Sostible
O termo de xestión forestal sostible foi definido por primeira vez na Conferencia Ministerial para a Protección dos Bosques en Europa que tivo lugar en Helsinqui no ano 1993 como: “A administración e o uso dos bosques e terreos forestais, dunha maneira e cunha intensidade tales que manteñan a súa diversidade biolóxica, produtividade, capacidade de rexeneración e vitalidade e a súa capacidade para atender, agora e no futuro, as funcións ecolóxicas, económicas e sociais relevantes, a escala local, nacional e global, sen ocasionar prexuízos a outros ecosistemas.”
A certificación da xestión forestal , é a confirmación de que un monte está sendo xestionado de forma responsable.
A Certificación da Cadea de Custodia (CoC)
É o control do percorrido das materias primas, desde a árbore ata o produto final, asegurando que os produtos forestais utilizados pola industria, proceden de bosques xestionados atendendo a criterios de sustentabilidade.
A certificación da CoC, axuda a dar cumprimento o Regulamento da madeira da Unión Europea (EUTR) xa que neste requírese que as empresas implementen un sistema de dilixencia debida (SDD), para minimizar o risco de comercialización de madeira ilegal, que está en liña cos SDD de PEFC e FSC®.